Política de Protección de Datos

Protección de datos de carácter persoal

A protección das persoas físicas en relación co tratamento de datos persoais é un dereito fundamental. O artigo 8, apartado 1, da Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea (a Carta) e o artigo 16, apartado 1, do Tratado de Funcionamento da Unión Europea (TFUE) establecen que toda persoa ten dereito á protección dos datos de carácter persoal que a concirnan.

Os principios e normas relativos á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos de carácter persoal deben, calquera que sexa a súa nacionalidade ou residencia, respectar as súas liberdades e dereitos fundamentais, en particular o dereito á protección dos datos de carácter persoal.

O Parlamento de Galicia adoptou unha política de respecto e pleno cumprimento da normativa vixente en materia de protección de datos de carácter persoal, garantindo, en relación aos interesados, o tratamento dos seus datos de maneira lícita, leal e transparente.

Os datos de carácter persoal son utilizados polo Parlamento de Galicia unicamente para os fins previstos no procedemento ou actuación de que se trate, e, baixo o principio de “minimización de datos”, limítanse exclusivamente ao necesario en relación a eses fins para os que son tratados.

O Parlamento de Galicia conta cun Rexistro de actividades de tratamento, respecto das cales se detalla, entre outra información, a finalidade do tratamento, a súa base xurídica, os destinatarios e os dereitos dos interesados.

As persoas interesadas poderán exercer os dereitos de acceso, rectificación, supresión, limitación do tratamento, portabilidade dos datos ou oposición ao tratamento ante o Parlamento de Galicia, situado rúa do Hórreo 63,15701, Santiago de Compostela, ou a través da presentación das súas solicitudes.

A non facilitación ou a facilitación parcial dos datos persoais de carácter obrigatorio solicitados nalgún formulario podería determinar que o Parlamento de Galicia non puidese prestar o servizo de que se trate.


Dereitos relativos á proteccion de datos

Dereito de acceso

Ao abeiro do establecido no Regulamento UE 679/2016, xeral de protección de datos, o interesado ten dereito a obter do Parlamento de Galicia, como responsable do tratamento, confirmación de se se están tratando ou non datos persoais que o concirnan e, en tal caso, dereito de acceso aos datos persoais e á seguinte información:

  • os fins do tratamento.
  • as categorías de datos persoais de que se trate.
  • os destinatarios ou as categorías de destinatarios aos que se comunicaron ou serán comunicados os datos persoais.
  • de ser posible, o prazo previsto de conservación dos datos persoais ou, de non ser posible, os criterios utilizados para determinar este prazo.
  • a existencia do dereito a solicitar do responsable a rectificación ou supresión de datos persoais ou a limitación do tratamento de datos persoais relativos ao interesado, ou a opoñerse a dito tratamento.
    o dereito a presentar unha reclamación ante unha autoridade de control.
  • cando os datos persoais non se teñan obtido do interesado, calquera información dispoñible sobre a súa orixe.
  • a existencia de decisións automatizadas, incluída a elaboración de perfís, a que se refire o artigo 22, apartados 1 e 4, e, polo menos en tales casos, información significativa sobre a lóxica aplicada, así como a importancia e as consecuencias previstas do dito tratamento para o interesado.

Cando se transfiran datos persoais a un terceiro país ou a unha organización internacional, o interesado terá dereito a ser informado das garantías axeitadas en virtude do artigo 46 do Regulamento relativas á transferencia.

O Parlamento de Galicia facilitará unha copia dos datos persoais obxecto de tratamento, sempre que non afecte negativamente os dereitos e liberdades doutras persoas. Cando o interesado presente a solicitude por medios electrónicos, e agás que este solicite que se lle facilite doutro modo, a información facilitarase nun formato electrónico de uso común.


Dereito de rectificación

O interesado terá dereito a obter sen dilación indebida do responsable do tratamento a rectificación dos datos persoais inexactos que o concirnan. Tendo en conta os fins do tratamento, o interesado terá dereito a que se completen os datos persoais que sexan incompletos, inclusive mediante unha declaración adicional.


Dereito de supresión

O interesado terá dereito a obter sen dilación indebida do Parlamento de Galicia a supresión dos datos persoais que o concirnan. O Parlamento estará obrigado a suprimir sen dilación indebida os datos persoais cando concorra algunha das circunstancias seguintes:

os datos persoais xa no sexan necesarios en relación cos fins para os que foron recollidos ou tratados doutro xeito.
o interesado retire o consentimento en que se basea o tratamento, e este non se basee noutro fundamento xurídico.
o interesado se opoña ao tratamento e non prevalezan outros motivos lexítimos para o tratamento.
os datos persoais teñan sido tratados ilicitamente.
os datos persoais deban suprimirse para o cumprimento dunha obriga legal que se lle aplique ao responsable do tratamento.
Cando teña feito públicos os datos persoais e estea obrigado a suprimir tales datos, o responsable do tratamento, tendo en conta a tecnoloxía dispoñible e o custo da súa aplicación, adoptará medidas razoables, incluídas medidas técnicas, orientadas a informar os responsables que estean tratando os datos persoais da solicitude do interesado de supresión de calquera enlace a eses datos persoais, ou calquera copia ou réplica deles.

Existen excepcións que xustifican a improcedencia na atención do dereito de supresión, como por exemplo cando deba prevalecer a liberdade de expresión, o cumprimento dunha obriga legal, a formulación, o exercicio ou a defensa de reclamacións, ou fins de arquivo, de investigación ou estatísticos.

Dereito á limitación do tratamento

O interesado terá dereito a obter do Parlamento de Galicia a limitación do tratamento dos datos cando se cumpra algunha das condicións seguintes:


o interesado impugne a exactitude dos datos persoais, durante un prazo que permita ao Parlamento de Galicia verificar a exactitude deles.
o tratamento sexa ilícito e o interesado se opoña á supresión dos datos persoais e solicite non seu lugar a limitación do seu uso.
o responsable xa non necesite os datos persoais para os fins do tratamento, pero o interesado os necesite para a formulación, o exercicio ou a defensa de reclamacións.
o interesado se teña oposto ao tratamento, mentres se verifica se os motivos lexítimos do responsable prevalecen sobre os do interesado.
Cando o tratamento de datos persoais estea limitado, os ditos datos só poderán ser obxecto de tratamento, con excepción da súa conservación, co consentimento do interesado ou para a formulación, o exercicio ou a defensa de reclamacións, ou de cara á protección dos dereitos doutra persoa física ou xurídica ou por razóns de interese público.

Todo interesado que obtivese a limitación do tratamento conforme o parágrafo primeiro será informado polo responsable antes do levantamento da devandita limitación.

Dereito á portabilidade dos datos

En virtude deste dereito, o interesado terá dereito a recibir os datos persoais que lle incumban, que teña facilitado a un responsable do tratamento, nun formato estruturado, de uso común e lectura mecánica, e a transmitirllos a outro responsable do tratamento sen que o impida o responsable ao que llos facilitase, cando o tratamento estea baseado no consentimento ou nun contrato, e o tratamento se efectúe por medios automatizados.

Ao exercer o seu dereito á portabilidade dos datos, o interesado terá dereito a que os datos persoais se transmitan directamente de responsable a responsable cando sexa tecnicamente posible.

Tal dereito non se aplicará ao tratamento que sexa necesario para o cumprimento dunha misión realizada en interese público ou no exercicio de poderes públicos conferidos ao Parlamento de Galicia.

Dereito de oposición

O dereito de oposición é o que pode ser exercido polo interesado para que non se leve a cabo o tratamento dos seus datos de carácter persoal ou se cese nel. O dereito de oposición poderá exercerse en calquera momento, por motivos relacionados coa situación particular do interesado.

O Parlamento de Galicia deixará de tratar os datos persoais, agás que acredite motivos lexítimos imperiosos para o tratamento que prevalezan sobre os intereses, os dereitos e as liberdades do interesado, ou para a formulación, ou para o exercicio ou defensa de reclamacións.

Cando os datos persoais se traten con fins de investigación científica ou histórica, ou con fins estatísticos, o interesado terá dereito, por motivos relacionados coa súa situación particular, a opoñerse ao tratamento dos datos persoais que lle afecten, agás que sexa necesario para o cumprimento dunha misión realizada por razóns de interese público.


Rexistro de actividades de tratamento

A mesa acordou o día 20 de marzo de 2019 a aprobación do Rexistro de Actividades de Tratamento de Datos de Carácter Persoal do Parlamento de Galicia e a súa publicación. Este rexistro consta das seguintes actividades de tratamento:


  1. Rexistro de acceso e control de seguridade
  2. Xestión de instrumentos de colaboración (convenios, protocolos)
  3. Protocolo
  4. Rexistro do Parlamento
  5. Xestión de biblioteca e documentación e arquivo
  6. Xestión de cursos, seminarios e actividades formativas
  7. Xestión da contratación
  8. Arquivo audiovisual
  9. Visitas e asistencias institucionais
  10. Subscrición a áreas temáticas
  11. Accesos aos sistemas de información
  12. Participación cidadán
  13. Vídeo vixianza
  14. Alumnado en prácticas e bolsas de formación
  15. Concursos, premios e condecoracións
  16. Xestión de procedementos parlamentarios
  17. Xestión de Recursos Humanos
  18. Rexistro de deputadas e deputados
  19. Subvencións, cesións de balde e aportacións económicas
  20. Xornadas, congresos, actos conmemorativos
  21. Comparecencias, visitas e asistencias institucionais
  22. Procesos selectivos e provisión de postos
  23. Axenda de contactos
  24. Xunta Electoral de Galicia
  25. Xestión de solicitudes de exercicio de dereitos
  26. Transparencia no acceso á información
  27. Xestión de crebas de seguridade
  28. Medida especial fronte a expansión do Covid-19 mediante a comprobación de control de temperatura corporal para acceso ao Parlamento de Galicia
  29. Sistema interno de información